Mielofibrose primaria
Caracterízase por unha intensa fibrose da medula ósea, con extensa hematopoese extramedular e reacción leucoeritroblástica en sangue periférica. Predominan as mutacións en JAK2, e con menor frecuencia detéctanse alteracións en CALR e MPL.
Clínica
Aparece esplenomegalia secundaria á metaplasia mieloide (hematopoese extramedular por desprazamento da hematopoese fóra da medula ósea) en máis do 90% dos casos. Tamén é frecuente a sintomatoloxía derivada da insuficiencia medular (anemia, trombopenia e infeccións).
En fases avanzadas pode cursar con síntomas constitucionais, en relación co estado hipermetabólico secundario á mieloproliferación, e con lesións óseas escleróticas debidas á fibrose medular.
Morfoloxía
En sangue periférica son frecuentes os dacriocitos (eritrocitos en forma de bágoa) e a reacción leucoeritroblástica, evolucionando en pouco tempo a unha pancitopenia.
Na etapa prefibrótica, a medula ósea é hipercelular por aumento de todas as estirpes celulares, destacando os megacariocitos grandes e displásicos, con morfoloxía nuclear “en nube” e formación de agregados atípicos. Coa evolución da enfermidade, a medula vólvese progresivamente hipocelular e aparece fibrose de maneira difusa, consecuencia de factores estimulantes dos fibroblastos liberados polos propios megacariocitos neoplásicos.
Coa evolución da enfermidade, a hematopoese vai sendo progresivamente substituída por fibrose, como consecuencia de factores estimulantes dos fibroblastos liberados polos propios megacariocitos neoplásicos. Nesta fase fibrótica, o máis característico é a marcada proliferación e atipia megacariocítica. Os megacariocitos tenden a formar grupos densos e a localizarse en sitios anómalos como o espazo paratrabecular. Adoitan exhibir alteracións da relación núcleo-citoplasma, núcleos hipercromáticos, “en nube” ou núcleos “espidos”. Outros achados paralelos á fibrose son a presenza de sinusoides moi dilatados con hematopoese no seu interior (“hematopoese intrasinusoidal”).
En fases moi avanzadas pode aparecer osteoesclerose, por substitución das áreas fibróticas por óso.
Tratamento
En casos asintomáticos realízase abstención terapéutica. Se aparecen signos ou síntomas da enfermidade, utilízase HU, TPH ou ruxolitinib.
Lembra
Mielofibrose
Fibrose MO con aspirado seco
Reacción leucoeritroblástica + Dacriocitos en SP
Esplenomegalia
Tratamento con HU, TPH ou ruxolitinib

