Linfoma MALT


É un linfoma da zona marxinal extraganglionar que asenta no tecido linfoide asociado a mucosas. A súa forma de presentación máis frecuente é a gástrica.

LINFOMA MALT GÁSTRICO
É o segundo tumor gástrico maligno máis frecuente tras o adenocarcinoma. Trátase dunha proliferación neoplásica B de comportamento indolente que asenta xeralmente nun contexto de inflamación crónica. De feito, na inmensa maioría dos casos asóciase a infección por Helicobacter pylori. Nestes casos a erradicación do microorganismo consegue a remisión no 90% dos casos.

É importante determinar a translocación t(11;18), presente no 30-50% dos casos, xa que se asocia con maior frecuencia a linfomas MALT máis agresivos e con diseminación a outros órganos. Ademais, adoita relacionarse con cepas de H. pylori CagA+ e predí fracaso da erradicación do HP.

Clínica
Aparecen síntomas inespecíficos como epigastralxia, pirose ou dispepsia. Nalgúns casos pode observarse tamén hematemese, melenas e síntomas constitucionais.

Morfoloxía
É importante para establecer o diagnóstico a presenza de lesións linfoepiteliais con ≥3 linfocitos neoplásicos por glándula gástrica. Presenta diferenciación plasmocítica no 40% de casos, patrón difuso ou vagamente nodular, frecuentemente centros xerminais reactivos, expresión inmunohistoquímica de CD19/CD20 e restrición de cadeas lixeiras concordantes coa súa estirpe B e natureza clonal.